Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

UN AMPLO DISPOSITIVO DE PROTECCIÓN CIVIL VELARÁ POLAS MEDIDAS SANITARIAS DURANTE A MANIFESTACIÓN DE CAMPO LAMEIRO CONTRA O PECHE DA SUCURSAL DE ABANCA

Un amplo dispositivo de Protección Civil velará en todo momento pola seguridade sanitaria durante a manifestación convocada polo Concello de Campo Lameiro para mañá venres ás 20:30 horas desde o Consistorio ata a sucursal de Abanca, en protesta pola decisión unilateral da dirección da entidade crediticia de pechar a única oficina bancaria no municipio.

 

O operativo coordinado polo Concello e por efectivos de Protección Civil prevé que os asistentes acudan provistos de máscaras e dispoñan de xel hidroalcólico en diversos puntos da marcha por se fora necesario o seu uso. Tamén se establecerá un cordón de orde co fin de que se manteña entre os participantes o distanciamento social recomendado polas autoridades sanitarias.

 

A manifestación estará encabezada polo alcalde e os voceiros dos tres grupos políticos que conforman a Corporación Municipal (PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE) que portarán unha das pancartas co lema que figuran nas lonas que están penduradas na fachada da Casa Consistorial e en varios edificios da localidade.

 

O alcalde, Carlos Costa, en nome da Corporación Municipal sinalou que o respaldo á mobilización será masiva a xulgar pola boa acollida que están tendo entre os veciños as medidas de protesta que se están a adoptar. Así, desde onte o centro da vila está completamente ateigado de crespóns negros que adornan de xeito reivindicativo a práctica totalidade dos establecementos comerciais de Campo Lameiro.

 

Así, sinalaron que “estamos certos de que a mobilización terá un masivo respaldo veciñal, como seguros estamos de que imos retirar todos os cartos do banco se nos pechan a oficina”. Tamén manifestou o desexo dos tres grupos políticos que conforman a Corporación de “seguir a folla de ruta de protesta e reivindicación fronte ao abandono e supresión de servizos bancarios no rural que está a impoñer Abanca”.

Ao remate do acto lerase un manifesto de protesta ante os asistentes.

Back to top