O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO INICIA UNHA CAMPAÑA DE APOIO AO COMERCIO LOCAL FRONTE AOS EFECTOS DO COVID-19 COA ENTREGA DE 20.000 BOLETOS PARA O SORTEO DE VALES POR IMPORTE TOTAL DE 1.000 EUROS
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, e o seu grupo de goberno presentaron esta mañá a nova campaña de apoio ao comercio local para frena-los efectos económicos do Covid-19 consistente no reparto de 20.000 boletos para dous sorteos de cheques regalo que acadan a cifra global de 1.000 euros e cuxa celebración será o 28 de novembro, no primeiro caso en consonancia coa Lotaría Nacional, e o 22 de decembro, co Gordo de Nadal.
A partir do luns procederase a incorporar aos establecementos colaboradores, que terán un prazo máximo ata o 27 de outubro para inscribirse nesta iniativa e que serán os encargados de distribuir entre os seus clientes a totalidade de 10.000 boletos numerados por comprar en Campo Lameiro antes do 28 de novembro, data en que terá lugar o sorteo da Lotaría Nacional onde os posuidores da papeleta cuxas últimas catro cifras coincidan co primeiro premio levaranse un bono de 125 euros canxeables nos establecementos adheridos a esta campaña. O posuidor do boleto coas catro últimas cifras do segundo premio da Lotaría Nacional dese día recibirá un cheque regalo de 100 euros canxeables ante do 31 de decembro deste ano.
Por outra banda, o segundo dos sorteos programados terá lugar o 22 de decembro coincidindo co Gordo de Nadal e, nesta ocasión, os participantes poderán optar a cinco premios distribuidos do seguinte xeito e para os que tamén se repartirán outros 10.000 boletos:
O que teña o boletos cuxos catro últimos números coincidan co Gordo de Nadal recibirá un cheque regalo de 200 euros. Quen teña o boleto cuxos catro últimos números coincidan co segundo premio da Lotaría de Nadal levarase 175 euros; co terceiro, 150 euros, e co primeiro ou segundo dos cuartos terán cada un 125 euros para gastar nos establecementos que participan nesta iniciativa de dinamización do comercio local.
O prazo máximo para canxear os cheques regalo será o 31 de decembro de 2020 e as persoas beneficiarias dos bonos poderán solicitar unha fragmentación da contía total en cheques de cantidades inferiores, sempre en cifras redondeadas e nunca inferiores a 25 euros.
Con esta iniciativa o Concello quere continuar co apoio ao comercio local iniciado coa campaña “Campo Lameiro de todo para tod@s” no que se incorporaron á súa nova páxina web microespazos adicados aos establecementos e servizos prestado polos profesionais empadroados ou que realizan a súa actividade neste municipio.
Segundo o alcalde Carlos Costa “o que pretendemos é axudar a que nestes momentos difíciles o comercio local sinta o noso apoio e proximidade e tamén queremos fidelizar á clientela local a aquelas persoas que ao longo do ano seguen confiando nos establecementos que xeran riqueza e emprego no noso municipio. Somos conscientes de que somos un concello modesto, pero faremos todo o posible para que desde o punto de vista sanitario e tamén económico ninguén se quede atrás por culpa da pandemia do Covid-19”, indicou o rexedor.
BASES E DOCUMENTACIÓN ESTABLECEMENTOS ADHERIDOS:
BASES CONCURSO CAMPO LAMEIRO DE TODO PARA TOD@S