Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CAMPO LAMEIRO UBICA DIANTE DO CONSISTORIO O PUNTO DE LIMPO ITINERANTE QUE PERCORRERÁ NOS VINDEIROS DÍAS TODAS E CADA UNHA DAS PARROQUIAS DO MUNICIPIO

O Concello de Campo Lameiro mantén ubicado diante do Consistorio o novo punto limpo móbil que prestará servizo en todas e cada unhas das parroquias a través dun camión de recollida de enseres que conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Unión Europea.

Este novo servizo do punto limpo móbil do Concello de Campo Lameiro permite achegar a todas e cada unha das parroquias un modelo de reciclaxe para diferentes residuos que se pon ao carón da veciñanza para xerar maior impacto e facilitar a correcta xestión dos residuos domésticos.

O funcionamento do servizo está baseado nun camión e unha plataforma que se deixa no lugar desexado, a cal está dividida nas diferentes fraccións nas que se pode separar con eficiencia para reciclar, como por exemplo os pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro, entre outros residuos.

Con esta iniciativa, da que participan tamén os concellos de Portas e Moraña, prétendese sensibilizar á veciñanza na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra o cambio climático.

Segundo o alcalde, Carlos Costa Domínguez, preténdese animar a todos os veciños e veciñas das nosas parroquias a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo para facilitar esta acción de futuro e baseada nunha maior concienciación cívica sobre a importancia de reciclar  e de defender o medio ambiente.

Despois da súa estancia diante do Consistorio, na parroquia de San Miguel do Campo, o punto limpo itinerante desprazarase nunha primera etapa a Fragas, Couso, Muimenta, Morillas e San Isidro. Durante as visitas entregaranse folletos e carteis explicativos.

 

Back to top