Punto de inflexión
O conxunto pontevedrés logrou manterse durante catro anos na Segunda Rexional, na tempada 2000-01 consumouse o segundo descenso e tras pasar uns anos moi complicados, na campaña 2004-2005 produciuse o punto de inflexión no devir da entidade. Ademais da chegada de catro deportistas de primeiro nivel (Iván, Luís, Fumega e Porteliña), o club apostou por José Alberto Monteagudo, “Berto”, para liderar o novo proxecto deportivo.
No seu primeiro ano á fronte do barco, Berto situou ao equipo na terceira posición da táboa clasificatoria e acariñou o salto de categoría, obxectivo que si alcanzaría dous exercicios máis tarde ao derrotar ao Dorrón e ao Figueirido na loita por unha praza na Segunda Autonómica, categoría na que se foi afianzando cada vez máis ata que na tempada 2013-14 consegue ascender por primeira vez a Primeira Autonómica proclamándose ademais campión e conseguindo o ascenso varias xornadas antes de que finalizase o campionato.
O equipo inicia a súa andaina en Primeira Autonómica na tempada 2014-15 competindo moi ben e conseguindo terminar as súas 2 primeiras tempadas clasificado en 10ª posición.
A tempada 2015-16 está marcada por unha revolución no persoal que empeza pola marcha por motivos laborais de “Berto, o eterno adestrador do Campola” e un dos máximos culpables do afianzamento do Club e de numerosos xogadores. O que en principio prevíase como unha tempada moi complicada, terminou sendo ao final una das mellores tempadas do club en toda a súa historia, xa que os homes de Romario e Hugo conseguiron o fito histórico de levar ao Campola á Preferente.
A tempada 2016-17 será sen dúbida, inesquecible para o noso Club, lamentablemente non demos conseguido manter a categoría a pesar de quedar nunha dignísima 16ª posición pero debido a arrastres de equipos de superior categoría, o equipo descende de novo a Primeira Autonómica.
Pese ao descenso, a estancia en Preferente quedará para sempre marcada na historia do noso Club por posibilitar que xogadores lenda do Club como Arias, Fontán, Bruno, Sergio, Bertiño ou Toto tivesen a oportunidade de defender as cores do Campo Lameiro contra equipos como o VDE Ourense, O Porriño Industrial ou o Estradense ou ter o privilexio de xogar nun campo histórico como “O Couto” en Ourense.
As 2 últimas tempadas, a 2018-19 e a 2019-20, o equipo volveu competir en Primeira Autonómica loitando en ambas as tempadas polos postos altos da táboa clasificatoria.
Polo que respecta ás categorías inferiores o Club loita, tempada tras tempada, coa difícil misión de tentar competir en varias categorías co gran hándicap que supón a pouca poboación da que dispón o noso concello.
O primeiro equipo base do Campo Lameiro data da tempada 1983-84 na que o club federou por vez primeira un equipo en categoría xuvenil, dende esa época ata a tempada 2010-11 na que o club consegue saír a competir con 2 equipos basee (alevíns e benxamíns), vanse alternando tempadas con 1 equipo basee (en categoría cadete ou xuvenil) ou con ningún.
O arranque do fútbol base ten un motivo principal, o campo de herba sintética inaugurado en decembro do 2009 e que posibilitou que o club poida competir en fútbol 8, categorías nas que, non sen esforzo, é capaz de xuntar equipos de 1, 2 ou ata 3 categorías, iso si, coa particularidade de que ao chegar á categoría infantil, os nosos nenos teñen que deixar o Fútbol 8 para pasarse ao Fútbol sala, categoría na que o noso Club alcanzou os seus maiores éxitos dentro do Fútbol Basee e que son un título de campión na liga Local Cadete de Fútbol sala da tempada 2014-15, un subcampeonato da Copa Local Cadete de Fútbol sala na tempada 2017-18 e o subcampeonato na Segunda Local de Xuvenís de Fútbol sala da tempada 2019-20.