Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

SUBVENCIÓNS DE ECOINNOVACIÓN COMERCIAL

OBXECTO

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a execución de proxectos ecoinnovadores no desenvolvemento da actividade comercial.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

Considéranse subvencionables os proxectos ecoinnovadores que conteñan algunha das seguintes actuacións:

1.1. E-Ticket.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas e os obradoiros artesanais previstos no artigo 3.

O establecemento poderá adherirse á plataforma de ticket dixital desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Federación Galega de Comercio. A antedita plataforma permite aos clientes e aos comercios coñecer o estado e a garantía das súas compras/vendas, evitando os inconvenientes do ticket tradicional ante a súa perda ou deterioración, ademais de minimizar o uso do papel e contaminantes vinculados á impresión. A axuda consistirá na adhesión á antedita plataforma.

1.2. Ecoenvases: solucións sustentables de empaquetado de produto e para o seu envío, de ser o caso, coa utilización de materiais cen por cen biodegradables.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas, os obradoiros artesanais e as asociacións de vendedores das prazas de abastos e Centros comerciais abertos previstos no artigo 3.

Poderán acollerse nesta epígrafe solucións sustentables de envasado, empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo.

En todo caso as bolsas, no caso de seren de plástico, deberán ser compostables, que cumpran os requisitos da norma europea vixente EN 13432:2000 «Envases e embalaxes. Requisitos dos envases e embalaxes valorizables mediante compostaxe e biodegradación. Programa de ensaio e criterios de avaliación para a aceptación final do envase ou embalaxe» e nas súas sucesivas actualizacións, así como as bolsas de plástico que cumpran os estándares europeos ou nacionais de biodegradación a través de compostaxe doméstica.

O investimento máximo subvencionable para esta epígrafe será de 4.000 €, IVE excluído, e a porcentaxe da subvención será do 70 %.

No caso de obradoiros artesanais ou establecementos de tendas de artesanía autorizadas, deberán cumprir coas obrigas establecidas na Orde do 26 de outubro de 2018 pola que se regula a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia, concretamente as establecidas no artigo 6, condicións do uso da marca.

Na documentación desta actuación, prevista no artigo 5.1.3.a) e artigo 19.1.a) (de ser o caso, orzamentos, facturas pro forma, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa), deberá figurar a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde quede debidamente acreditado o seu carácter biodegradable.

1.3. Economía circular.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas e os obradoiros artesanais previstos no artigo 3.

Considérase subvencionable a implantación ou posta en marcha de proxectos ecoinnovadores, que poderán referirse ás seguintes áreas:

  • Implantacións de negocios ou liñas de negocios comerciais baseados en procesos de economía circular, incluídos proxectos de modelos de negocio onde polo menos o 70 % da oferta de produto non sexa de primeira manufactura.
  • Proxectos de negocios que introduzan polo menos o 70 % da oferta de produtos con etiquetaxe ecolóxica.
  • Proxectos de recollida de residuos téxtiles ou alimentarios para a súa reciclaxe.

A subvención consistirá nunha axuda por beneficiario de 1.500 € para o pulo de proxectos ecoinnovadores que inclúan actuacións descritas nesta epígrafe.

  1. Non se consideran gastos subvencionables:

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Tampouco serán subvencionables o material promocional ou actuacións de publicidade sobre as actuacións subvencionadas.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

Comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal do solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberán estar dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

Obradoiros artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

En caso de novos obradoiros, terán ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

NORMATIVA

Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 129 do 9 de xullo de 2019).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190709/AnuncioG0424-280619-0001_gl.html

PRAZO

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Dende o 10/07/2019 ao 09/08/2019

Subvencións de ECOINNOVACIÓN comercial

Back to top