Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO OTORGOU DURANTE ESTE ANO QUE ESTÁ A PIQUES DE REMATAR 6 AXUDAS Á NATALIDADE POR IMPORTE DE 500 EUROS

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou por unanimidade dos seus membros presentes a sexta axuda á natalidade e para o fomento do empadroamento que se otorga neste ano 2021 e que suporá un aporte económico de 500 euros a satisfacer en dúas anualidades de 250 euros.

Os tres grupos políticos con representación na Corporación Municipal acordaron tamén revisar de inmediato esa cuantía para que a partir do ano 2022 as familias que se acollan a esta liña de subvencións poidan recibir unha maior cuantía económica. Os voceiros municipais quedaron en consensuar unha proposta conxunta de modificación da ordenanza vixente co fin de que poida ter unha inmediata aplicación polo que, a priori, ese cambio se adaptará en breve e dentro deste mes, cando se convoque o pleno extraordinario para aprobar os Orzamentos Municipiais para o ano 2022.

Por outra banda, tamén se procedeu a aprobar dúas solicitudes de bonificación do Imposto de Construción, Instalacións e Obras (ICIO) e a modificar a ordenanza fisca do servizos de recollida de lixo para clarificar mellor a obrigación dos establecementos comerciais de facerse cargo do aboamento desta taxa aínda que non estean abertos ao público.

Tamén se aprobou por unanimidade o inventario definitivo de bens e dereitos do Concello de Campo Lameiro despois de atender as reclamacións e inscribir algúns camiños públicos que  son de titularidade municipal, pero que no documento inicial redactado pola empresa encargada de facer eses traballos quedaran fóra.

Noutra orde de cousas, aprobáronse as bases reguladoras das axudas por danos derivados da pandemia da Covid-19 ocasionados a autónomos e empresas e que proceden de fondos da Deputación de Pontevedra e que serán un máximo de 500 euros por establecemento (máximo de 700 no caso de ter dous ou más) obrigado a pechar e de 300 euros para os non obrigados a pechar (no caso de ter dous ou máis, terán un máximo de 500 euros).

O alcalde, Carlos Costa, informou tamén ao Pleno de que os 47.000 euros sobrantes das distintas obras realizadas con cargo ao Plan Concellos serán destinados a mercar un brazo desbrozadora mecánica para o tractor, unha cisterna que poderá ter un uso versátil na loita contra incendios, desentullo e para baleirar augas residuais e sete desbrozadoras de man.

No capítulo de rogos e preguntas, a voceira de Porvir, Martina Viéitez, interesouse pola marcha da implantación da iluminación LED e sobre como se atenderá aos lugares que quedan pendentes de instalar, reclamou o acceso a documentación municipal, solicitou que se ampliara o horario da arquitecta para axilizar os expedientes que acumulaban retraso e intereseouse pola posta en marcha do convenio con Contucho para baleirar fosas sépticas, así como polo expediente de convocatoria da Mesa Local de loita contra a violencia de xénero e o enganche do autobús de Abanca á electricidade municipal.

En canto á instalación de luces LED, o alcalde manifestou que quedaban poucos lugares sen esta tecnoloxía, pero que na intención do equipo de goberno estaba proceder a adaptalas o máis axiña posible a través do Plan Concellos do 2022 ou mesmo con fondos propios.

Sobre a ampliación do horario da arquitecta, o alcalde explicou que efectivamente había certos retrasos debido ao exceso de traballo que se viña acumulando a raíz das moitas obras que se están acometendo, os proxectos que se redactan para optar a subvencións e pola necesidade de supervisar a marcha dos traballos que se están executando. Polo que respecta ao acceso á documentación, o alcalde reiteroulle á voceira de Porvir de que o seu desexo era ofrecer a máxima transparencia e que accedera sen problemas coa única limitación que impuxera a Lei de Protección de Datos.

No que respecta ao convenio con Contucho, o rexedor sinalou que se substanciará en breve toda vez que o Concello dispoña da nova cisterna para colaborar nos traballos de baleirado de pozos negros o que permitirá axustar a tarifa á realidade do servizo que se vai prestar.

En referencia á Mesa Local contra a Violencia de Xénero, a concelleira de Servizos Sociais, Nieves Boullosa, explicou que todo o procedemento se levaba desde os Servizos Sociais do Concello en colaboración cunha asistencia externa especializada en temas de igualdade e que o desexo do Concello é que se implique ao maior número posible de persoas e colectivos co fin de poder dar resposta satisfactoria a un grave problema que padece o conxunto da sociedade. Indicoulle que o expediente de constitución e convocatoria está a disposición de quen queira consultalo.

Sobre o enganche do autobús de Abanca ao Consistorio Municipal, o alcalde indicoulle que se estaban facendo medicións e buscando alternativas para determinar o consumo da entidade bancaria, a través dun contador aparte, co fin de ver o modo de compensalo ou de que se fagan cargo do seu pago xa que a activación do xerador de corrente que leva a unidade móbil bancaria provoca uns ruidos e vibracións que fan inviable telo operativo na súa ubicación actual.

Pola súa banda o voceiro do PSdeG-PSOE, Adrián Vidal, solicitou información sobre a posta en marcha do Centro de Estancia e solicitou a emisión en directo a través dalgunha plataforma ou rede social dos plenos municipais. O alcalde explicoulle que estaban a expensas de que autorizara o proxecto Patrimonio e con respecto á emisión dos plenos encadrouno dentro dunha futura ordenanza sobre o funcionamento da Corporación Municipal.

Back to top