A CORPORACIÓN DECIDE POR UNANIMIDADE DECLARAR A CAMPO LAMEIRO COMO CONCELLO LIBRE DE EÓLICOS
A Corporación Municipal en sesión extraordinaria decidiu por unanimidade dos concelleiros presentes aprobar unha declaración na que se declara a Campo Lameiro como “concello libre de eólicos” como medida de rexeitamento á proliferación de proxectos industriais que afectan directa ou indirectamente a este municipio.
O Pleno Extraordinario, que contou coa presenza de veciños das parroquias afectadas polos proxectos eólicos, iniciouse coa lectura por parte deles de varios escritos non que defendían a necesidade de preservar os montes e o xeito de vida do municipio fronte á implantación dos grandes muiños de vento.
A sesión plenaria converteuse nunha sesión informativa dos procedementos a seguir para fortalecer as medidas de oposición contra os aeroxeradores e as súas liñas de derivación grazas á presenza dun técnicos medioambiental da empresa Tysgal, contratada polo Concello para presentar as alegacións en contra dos distintos parques eólicos que afectan ao municipio.
Nesta mesma liña os representantes municipais do PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE decidiron tamén por unanimidade solicitar á Xunta a realización de prospeccións arqueolóxicas na áreas poligonais onde se pretenden instalar proxectos eólicos co fin de determinar a afección real que estas iniciativas empresariais terían sobre o patrimonio prehistórico do municipio que o convirten en Capital Galega de Arte Rupestre e poder paralizar de xeito definitivo o seu desenrolo.
Por outra banda, os concelleiros das tres formacións políticas con representación na Corporación Municipal expresaron o seu desexo de unir esforzos para opoñerse á instalación destes proxectos eólicos e recollendo a proposta dalgún dos veciños presentes comprometéronse a manter contactos con outros concellos afectados e promover actuacións conxuntas tendentes a fortalecer o posicionamento contrario á implantación deses parques eólicos.
Ante a necesidade de que a información chegue ao maior número de persoas e non so ás comunidades de montes afectadas, acordouse tamén realizar unha charla informativa no Auditorio, pendente de data, a coordinar coa empresa Tysgal quen aproveitaría estas reunións para presentar as principais alegacións en contra que o Concello realizará aos distintos proxectos e que brinda á veciñanza para que as presente de xeito individual ou colectivo.
No transcurso do Pleno repartíronse fotocopias entre os presentes con alegacións tipo que poderían servir de base para presentar no rexistro de calquera Concello de Galicia para a súa tramitación.
Rematou o Pleno escenificando a unión de todo o pobo de Campo Lameiro, a través dos seus representantes municipais e a veciñanza cun desexo de preservar para as xeracións futuras o importante patrimonio arqueolóxico e natural do que dispón o municipio e coordinar accións de todo tipo para facer máis eficiente a oposición á instalación dos parques eólicos.