Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O DELEGADO DA XUNTA EN PONTEVEDRA E O XERENTE DO CONSORCIO VISITAN O NOVO CENTRO DE ESTANCIA DE CAMPO LAMEIRO, QUE ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS O VINDEIRO MES DE MARZO CUNHA UNIDADE DE VIDA ACTIVA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, financiou as obras do novo Centro de Estancia do Concello de Campo Lameiro, que vén de rematarse e que abrirá as súas portas o vindeiro mes de marzo cunha Unidade de Vida Activa chea de actividades para as persoas maiores.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Carlos Costa, e as concelleiras Nieves Boullosa, Eva Campos e Delia Carramal supervisaron este mediodía as novas instalacións e informaron da inminente posta en marcha deste servizo durante a visita que realizaron co gallo das xornadas de portas abertas, organizadas polo Concello ata o 27 de febreiro para dar a coñecer o centro entre a cidadanía.

O Goberno galego investíu 130.000 euros neste edificio asistencial, impulsado polo Concello de Campo Lameiro e que funcionará os luns, mércores e venres de 10.00 a 13.00 horas. Este centro ten unha superficie de case 400 m² nunha única altura e dispón dunha sala de usos múltiples de grandes dimensións, ximnasio, dúas salas de tratamento e rehabilitación, oficinas, aseos e vestiario.

O inmoble, con forma de caixa e construído en formigón con grandes fiestras para gañar en luminosidade, ten como obxectivo acoller unha Unidade de Vida Activa e numerosas iniciativas orientadas a favorecer un envellecemento activo e saudable. Así, poranse en marcha obradoiros de memoria, novas tecnoloxías, actividades de exercicio físico, coordinación, equilibrio e forza, e obradoiros emocionais, entre outros.

VISITA Á GALIÑA AZUL DE CAMPO LAMEIRO

Os representante autonómicos e o rexedor tamén se desprazaron ata a escola infantil A Galiña Azul, que dispón de 25 prazas en dúas unidades para cativos de 0 a 2 anos, para comprobar as melloras realizadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Neste espazo infantil investíronse 25.000 euros para realizar obras de acondicionamento de zonas exteriores e illamento térmico. En concreto, renovouse a carpintaría de aluminio, os xogos infantís e o valado de madeira, ao tempo que se acometeron arranxos na instalación eléctrica da calefacción.

Cómpre sinalar que, ademais da escola infantil e do futuro Centro de Estancia, o Executivo autonómico atende na actualidade a 118 persoas maiores e dependentes de Campo Lameiro a través do bono de libranzas (15 usuarios), o Servizo de Axuda no Fogar (34 persoas atendidas cunha achega da Xunta de 236.000 euros anuais), a teleasistencia (10 usuarios) e o programa Coidados Porta a Porta. Este servizo itinerante atendeu a 59 veciños con citas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria na primeira quenda e volverá a ofrecer os seus servizos entre os días 10 e 13 de abril.

Back to top