Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE CAMPO LAMEIRO LOGRA O COMPROMISO DE EDUCACIÓN DE ACOMETER DE INMEDIATO OBRAS DE MELLORA E MANTEMENTO NO COLEXIO PEDRO ANTONIO CERVIÑO

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e a concelleira Nieves Boullosa mantiveron unha xuntanza de traballo co xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, César Pérez Ares, no que abordaron as necesidades de infraestrutura relacionadas co colexio público “Pedro Antonio Cerviño” da localidade.

Froito desta xuntanza, o alcalde logrou o compromiso da Xefatura Provincial de Educación de acometer de inmediato unha serie de melloras no centro educativo que van desde o pintado de varias aulas e espazos do edificio ata o arranxo de persianas e xanelas, revisión do sistema de calefacción e substitución de radiadores, etc.

Para elo, na vindeira semana desprazarase ata o centro educativo unha comisión de técnicos encargados de avaliar todas as intervencións necesarias e ir dando os pasos sucesivos para que se acometan as obras de mellora o máis axiña posible.

Carlos Costa insistiu diante do xefe territorial da Consellería en Pontevedra na necesidade de acometer canto antes este tipo de actuacións orientadas a mellorar as infraestruturas e a habitabilidade CEIP “Pedro Antonio Cerviño” xa que presentan diversas deficiencias que deben ser acometidas canto antes.

Segundo manifestou o alcalde, Carlos Costa, á saída da xuntanza co xefe territorial “a educación e a formación dos nosos nenos e nenas é para nós unha cuestión prioritaria e irrenunciable polo que nos achegamos ata a Delegación da Xunta en Pontevedra para expoñer de xeito directo a urxente necesidade de acometer unha serie de intervencións para mellorar a confortabilidade e mesmo a conservación deste centro educativo. Cremos que non vai a haber problema xa que atopamos no xefe territorial, César Pérez Ares, a máxima comprensión e disposición a colaborar para que todas as necesidades que presenta o colexio e que recollimos da dirección do centro se van a ter en conta de xeito sucesivo inmediato”.

“Certo é que a Consellería ten moitos centros educativos que atender, pero nós defendemos a urxencia e a necesidade de que o CEIP de Campo Lameiro teña unha intervención especial e se acometan con urxencia os traballos comprometidos que van desde o pintado de varios espazos ata o combio de xanelas, varios arranxos na calefacción, etc. Para nós os nosos cativos e a súa educación son prioridade máxima e absoluta”, indicou o alcalde, Carlos Costa.

Back to top