PROGRAMA DE APOIO A EMPRESAS AGROALIMENTARIAS DA FUNDACION JUAN DE VEGA
A FUNDACIÓN JUANA DE VEGA LANZA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA DE APOIO A EMPRESAS AGROALIMENTARIAS
O obxectivo desta iniciativa é ofrecer novas oportunidades de impulso para as empresas do sector primario e derivados de Galicia.
Entre as novidades deste ano destaca a ampliación da súa oferta de asesoramento a empresas xa existentes do sector agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro galego.Este ano, co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades e demandas do sector, ampliouse o programa acollendo ademais de emprendedores, a empresas xa en funcionamento que queiran poñer en marcha novos proxectos.
A diferenza das pasadas edicións, este ano determináronse tres modalidades no programa, no que poderán participar un total de 11 emprendedores ou empresas:
- Emprendemento: axuda aos emprendedores a desenvolver as súas ideas empresariais, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.
- Consolidación: axuda ás empresas existentes a consolidar os seus proxectos empresariais intentando mellorar o seu funcionamento mediante asesoramento na toma de decisións nas áreas de negocio máis estratéxicas.
- Crecemento: axuda ás empresas que xa están en funcionamento a xerar novas liñas de negocio e/ou novas propostas de valor, desenvolvéndoas e axudándoas na súa aplicación.
O obxectivo principal é o apoio a aqueles emprendedores cunha idea de negocio no rural, pero tamén ás PEMES galegas, a través dun proxecto con seguimento e titorización personalizada, adaptada ás necesidades particulares de cada caso.
Poderán participar en calquera das tres modalidades, tanto empresas existentes como novas iniciativas empresariais nos campos da industria agroalimentaria, forestal, marisqueira e pesqueira ou outros sectores relacionados co anterior, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Ao longo de 2020, empresas e emprendedores seleccionados participarán en seminarios e titorías individualizadas para o seguimento e consulta dos seus proxectos por parte da Fundación Juana de Vega e diferentes especialistas do sector. Dependendo das necesidades de cada iniciativa, o contido de cada proxecto pode ir desde a definición de modelos de negocio, a elaboración dun plan de marketing, ata a asistencia xurídica, ou apoio na tramitación de axudas ou a asistencia na captación de recursos financeiros.
Os emprendedores e empresas interesadas terán ata o 30 de novembro para presentar as súas ideas de negocio ou proxectos de crecemento e consolidación.
A inscrición para participar no proceso de selección está dispoñible no seguinte enlace.
BASES PROGRAMA DE APOIO A EMPRESAS AGROALIMENTARIAS. JUANA DE VEGA