Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO ORGANIZA PARA O VINDEIRO SÁBADO 4 DE NOVEMBRO O “I TRAIL DO CERVO”

O Concello de Campo Lameiro, en colaboración coa Asociación Eido do Cervo, organiza para o vindeiro sábado 4 de novembro o “I Trail do Cervo en Campo Lameiro” que foi presentado esta mañá polo alcalde, Carlos Costa, as concelleiras Delia Carramal e Natalia Maquieira e David Domínguez, secretario da Asociación Eido do Cervo. Trátase dunha proba deportiva de carreira por montaña tocando todo tipo de terreos sobre dúas distancias, unha de 32 quilómetros e outra de 17.

As saídas e a meta terán lugar na Praza do Concello de Campo Lameiro, comezando a proba longa ás 9:00 horas e a curta ás 09:30 horas para evitar aglomeracións na saída e que os participantes poidan manter unha distancia axeitada entre ámbalas dúas modalidades da proba.

Así, a primeira das modalidades, “Trail da Conla”, discurrirá sobre un trazado de 32 quilómetros con 1700+, unha proba de especial dificultade e preparada para os máis atrevidos. Esta proba pasará por paraxes tan emblemáticos do concello de Campo Lameiro como o Alto do Cádavo, o Alto da Conla, San Antonio de Penalba, a contorna do Parque Arqueolóxico, o monte e os regatos da Lamosa e de Painceiros, entre outros.

Tamén haberá outra modalidade, máis curta, o “Trail do Maneses”, cun percorrido de 17 quilómetros con 900+, unha proba sobre unha distancia máis curta pero tamén moi xeitosa e con certa dificultade. Pasará pola contorna do Parque Arqueolóxico, seguirá por Painceiros, subirá cara o campo de tiro da Armonda e baixará pola Muimenta cara o rego Maneses onde, unha vez alí, comezarán a subir cara a meta.

POSTA EN VALOR DA BELEZA PAISAXÍSTICA DE CAMPO LAMEIRO

Esta carreira nace co obxetivo de dar a coñecer toda esta zona e de poñer en valor toda a riqueza natural e paisaxística que ten o concello de Campo Lameiro. Segundo o alcalde, Carlos Costa, a intención é que esta proba teña continuidade os vindeiros anos e que sexa unha carreira marcada no calendario de todos os “corremontes”.

Ao remate da proba haberá pinchos e entrega de premios.

INSCRICIÓN NA SEGUINTE LIGAZÓN:

https://www.321go.es/Carrera/Detail/247-itraildocervo

Back to top