Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE E MEMBROS DO COMITÉ ORGANIZADOR PRESENTAN A PRIMEIRA ANDAINA CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO A BENEFICIO DA FUNDACIÓN ANDREA

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e varios membros do Comité Organizador presentaron a “Primeira Andaina Concello de Campo Lameiro”, que se celebrará o vindeiro domingo 18 de setembro sobre un trazado longo de 21,5 quilómetros e outro curso de 14 quilómetros. Esta iniciativa permitirá tamén, cos fondos que se recauden por participar, axudar á Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.

No acto de presentación, o alcalde Carlos Costa compareceu con varios membros do Comité Organizador entre os que están Mercedes Fernández, Jesús García, Mónica Arza e Paula Pazos, encargados de varios departamentos e cometidos dentro do complicado e laborioso proceso de organización desta actividade.

Así, esta proba pedestre non competitiva pretende promocionar tamén dos distintos lugares e paraxes marabillosos que conforman o patrimonio natural e medioambiental do concello de Campo Lameiro e a organización estableceu un percorrido circular con varios postos de avituallamento para facilitar que os participantes estean perfectamente atendidos ao longo de toda andaina.

O percorrido establecido pola organización contempla un desnivel positivo de 860 metros para a distancia longa de 21,5 quilómetros, que terá tamén habilitados 3 avituallamentos e, no caso do trazado curto de 12 quilómetros, o desnivel positivo será de 550 metros e haberá dous puntos de avituallamento.

Para incentivar a inscrición neste evento deportivo e turístico, a organización estableceu varios sorteos de produtos doados por establecementos comerciais da contorna entre os 150 primeiros dorsais que se repartan entre os inscritos que terán que abonar 10 euros por participar en concepto de seguros, etc. 5 euros de cada inscrición irán destinados íntegramente á Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.

As inscricións deberán facilitarse a través da páxina web www.galitiming.com e so polo feito de participar os inscritos recibirán unha camisola de agasallo por parte da organización.

Ao remate deste evento turístico-deportivo a organización servirá un aperitivo a base de pinchos nos que haberá empanada, mexillóns e callos que poderán ser degustados e acompañados por bebidas refrescantes doadas polos establecementos colaboradores.

Segundo manifestou o alcalde de Campo Lameiro, “esta iniciativa que poñemos en práctica ten varias vertentes como son favorecer a práctica deportiva e o exercizo entre a poboación, darlle visibilidade aos distintos espazos naturais dos que disfrutamos no concello e axudar á Fundación Andrea no seu traballo de apoio e acompañamento a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais”, indicou Carlos Costa.

BASES QUE REXIRÁN A ANDAINA:

andaina

MAPA DO TRAZADO DA PROBA:

Mapa Andaina Definitvo

ALTIMETRÍA TRAZADO LONGO 21,5 QUILÓMETROS E ZONA DE AVITUALLAMENTO:

altimetria larga campolameiro 2022 v3

ALTIMETRÍA TRAZADO CURTO 14 QUILÓMETROS E ZONA DE AVITUALLAMENTO:

altimetria corta campolameiro 2022-1

Back to top