Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AXUDAS PARA O APOIO AOS INVESTIMENTOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS ESPECIALIZADAS EN PRODUCIÓN VEXETAL

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 143 do 30 de xullo de 2019).   https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190730/AnuncioG0426-170719-0001_gl.html

OBXECTO

Con esta orde establécense as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal (procedemento MR419A), no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4: investimentos en activos físicos, submedida 4.1: apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, contribuíndo directamente ás areas focais 2A (mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular con obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola); e 5D (reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura).

Estas axudas teñen como finalidade:

  1. Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.
  2. Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.

INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionables os investimentos materiais ou inmateriais directamente relacionados coa orientación técnica económica principal, que supoñan unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. En particular:

  1. Reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade; a mellora das condicións agroambientais ou hixiénico-sanitarias que vaian máis aló dos requisitos obrigatorios; o almacenamento de esterco, instalación de sistemas alternativos que permitan reducir a carga de fósforo e nitróxeno e cuxo produto interactúe e mellore a estrutura do solo ou sistemas que melloren a eficiencia no uso de fertilizantes nitroxenados; a diminución do consumo de enerxía ou de auga; a mellora dos sistemas de ventilación e illamento das explotacións; a produción de enerxías renovables e bioenerxía para o seu uso nas explotacións agrícolas; o cumprimento de novas normas obrigatorias da Unión Europea; a mellora das condicións de seguridade laboral; a redución da erosión do solo; ou a mitigación dos desastres naturais e riscos climáticos, e mecanismos de prevención contra os efectos adversos dos fenómenos extremos relacionados co clima.
  2. Compra de construcións agrarias en desuso.
  3. A plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola (árbores e arbustos froiteiros, coa excepción dos incluídos na medida 8 do PDR de Galicia 2014-2020 como, por exemplo, castiñeiros e nogueiras, que non serán elixibles por esta medida)
  4. Compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.
  5. Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software.

Os gastos xerais dos proxectos non poderán superar o custo subvencionable do investimento; establécese un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra, dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial e dun 3 % para o asesoramento.

BENEFICIARIOS

Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, inscritos no Reaga con orientación técnica económica principal en:

  1. Horticultura ao aire libre.
  2. a) Hortalizas ao aire libre.
  3. b) Flores e plantas ornamentais ao aire libre.
  4. c) Cultivos mixtos ao aire libre.
  5. Horticultura en invernadoiro.
  6. a) Hortalizas en invernadoiro.
  7. b) Flores e plantas ornamentais en invernadoiro.
  8. c) Cultivos mixtos en invernadoiro.
  9. Horticultura e cultivos diversos.
  10. a) Setas, champiñóns e outros fungos cultivados.
  11. b) Viveiros vitícolas.
  12. c) Viveiros de árbores e arbustos froiteiros (agás castaños e nogais).
  13. d) Viveiros de planta ornamental.
  14. Cultivos leñosos.
  15. a) Froiteiras (agás castaños e nogais).
  16. b) Oliveiral.
  17. Sementes e plántula de hortalizas.
  18. Pataca.

REQUISITOS

  1. Ser titular, na data da solicitude da axuda, dunha explotación agraria inscrita no Reaga, de acordo co Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Non será necesario o cumprimento deste requisito no suposto de ser un solicitante da axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas convocatoria 2019 (submedida 6.1 do PDR), ou de producirse unha fusión entre diferentes explotacións.
  2. Os solicitantes persoas físicas deberán ter dezaoito anos cumpridos e non ter alcanzado a idade de xubilación.
  3. Posuír a capacitación profesional suficiente no momento da solicitude, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, agás no caso dun solicitante da axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas convocatoria 2019.
  4. Cumprir a condición de agricultor activo no momento da solicitude.
  5. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.
  6. A renda unitaria de traballo, no momento de realizar a solicitude, debe ser igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.
  7. O volume de traballo necesario para o mantemento da explotación debe ser, como mínimo, dunha UTA.
  8. Establécese un investimento mínimo subvencionable de 5.000 euros e un volume total de investimento máximo subvencionable de 120.000 euros/UTA, cun máximo de 500.000 euros/beneficiario nos últimos catro anos (importes cobrados nos últimos catro anos derivados dunha axuda concedida a través da medida 4.1 do PDR de Galicia 2014-2020 ou da medida 1.2.1 do PDR de Galicia 2007-2013, desde a data de solicitude de pagamento do expediente ata a data de publicación da orde).
  9. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

PRAZO DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes  remata o 30 de agosto de 2019.

Back to top