Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AXUDAS DE VIVENDA

Hoxe martes 30 de xullo do 2019, publicáronse no  DOGA as bases reguladoras dun programa de axudas promovido polo “Instituto Galego da Vivenda e Solo” para: mellorar a eficiencia enerxética e sustentabilidade das vivendas, fomentar a conservación, mellorar a seguridade de utilización e a accesibilidade en vivendas, para o ano 2019.

O prazo de solicitude ábrese mañá 31 de xullo e remata o 30 de agosto de 2019 (ou ata que se esgote o crédito)

 QUEN PODE PEDIR ESTA AXUDA? 

  1. As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.
  1. As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
  1. As agrupacións de persoas propietarias.
  1. As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396  do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
  1. As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.
  1. As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

EN QUE CONSISTEN ESTAS AXUDAS?

 Son axudas á rehabilitación de vivendas, e teñen dúas liñas de actuación:

 Liña A, Axudas ao fomento da mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria

Liña B, Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade

 CONTÍA DA AXUDA:

A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 %, cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, se na unidade da convivencia hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:A contía unitaria  básica  da  axuda  por  vivenda  unifamiliar  non  poderá  superar os 12.000 euros.

Para liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:A contía máxima para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda

(Ver bases da convocatoria)

REQUISITOS

Entre outros para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996.

Será requisito específico das actuacións que se realicen nas vivendas unifamiliares ou nas vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva que estas constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas inquilinas ou moradoras, no momento de presentar a solicitude deste programa, o que se acreditará co correspondente certificado de empadroamento.

Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

PRAZO DE SOLICITUDE: O prazo de solicitude ábrese maña 31 de xullo e remata o 30 de agosto de 2019 (ou ata que se esgote o crédito)

Máis información no documento anexo e no Concello de Campo Lameiro :

AXUDAS PARA VIVENDAS

BASES AXUDAS DE VIVENDA

Back to top