O CONCELLO DIRÍXELLE UNHA SEVERA QUEIXA AO MINISTERIO E AO DELEGADO DO GOBERNO POLOS INCUMPRIMENTOS E RETRASOS CONTINUOS NA INSTALACIÓN DA BANDA ANCHA NO MUNICIPIO
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, dirixiulle unha nova carta ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que dirixe a galega Nadia Calviño, e tamén ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para trasladarlles a preocupación do Concello polos incumprimentos e retrasos continuos na instalación da banda ancha no municipio a través do programa PEBA-NGA, que xestiona o Goberno de España a través da empresa Telefónica de España, S.A.
Carlos Costa insiste no seu escrito en sinalar a preocupación e o malestar da veciñanza cos continuos retrasos na entrada en funcionamento deste proxecto co que se pretende dotar de banda ancha a varios lugares do municipio e que xa sufriu unha prórroga dun ano, ata o 31 de decembro de 2021, sen que teña rematada a implantación.
Segundo explicou o alcalde, “os informes do Goberno de España falan de que o 80% dos españois teñen acceso á fibra e o 87% á banda ancha, pero por desgraza debéronse de esquecer de nós porque seguimos agardando a que remate esta implantación e con graves retrasos que provocan serios prexuízos á veciñanza sobre todo agora que coa Covid-19 é máis necesario contar cunhas infraestruturas áxiles e eficaces para dar resposta aos novos retos do teletraballo, a educación dos nosos fillos e mesmo no apoio ás nosas empresas no ámbito rural. O servizo de internet no municipio é moi deficiente con conexións ineficaces, a baixa velocidade e que non ofrecen a totalidade e amplitude do servizo contratado en bastantes ocasións polo que desde o Ministerio téñenlle que poñer remedio”.
O Concello de Campo Lameiro xa ten enviado varias cartas ao Ministerio interesándose polos continuos retrasos e solicitando información sobre o plan de implantación dos proxectos aprobados xa hai tempo, pero o servizo segue sendo moi deficitario e a súa posta en marcha moi lenta con respecto ao cronograma previsto inicialmente.
O alcalde de Campo Lameiro esixe “o mesmo trato para os municipios pequenos que para os grandes, para o rural que para as vilas e cidades porque non podemos seguir abondando nesta fenda tecnolóxica que marxina ao mundo rural e condenanos a que haxa uns cidadáns de primeira e outros de segunda en función de onde residan. Non chega con que se nos priven de servizos senón que cando os conseguimos, nos anuncian que imos telos, logo se prorroguen e se retrasen na súa execución facendo que esta sensación de marxinación e impotencia vaia en aumento xeralizado en toda a poboación provocando irritabilidade e descontento social”, indicou Carlos Costa.
INTERNET DE ALTA VELOCIDADE PARA TODO O RURAL
Finalmente, o alcalde de Campo Lameiro solicita na súa carta de protesta ao Ministerio que se axilicen os plans de implantación da banda ancha e da alta velocidade no rural galego e, especialmente, “no noso municipio para que chegue canto antes a todo o mundo que o necesita e ao que ten dereito. Queremos ter en todos e cada un dos lugares do noso concello internet de calidade, de alta velocidade e de garantías. Non podemos seguir perdendo o tren do progreso e manternos ao marxe das autoestradas da comunicación. De feito, eu e o meu equipo de goberno témolo moi claro e faremos todo o posible para reclarmarlle ao Goberno de España que cumpra co seu compromiso e coa súa obriga. Tamén buscaremos a intermediación e axuda da Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) porque o que está claro é que ningunha parroquia, ningunha aldea de Campo Lameiro, pode quedar fóra da implantación da internet de alta velocidade”, concluíu Carlos Costa.