Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO PECHA AS CONTAS DO 2019 CUN SUPERÁVIT DUNS 73.000 EUROS  

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou a Conta Xeral do ano 2019 que arroxou un resultado positivo de máis de 73.000 euros sobre un orzamento municipal que ronda o millón de euros. O alcalde, Carlos Costa valorou o feito de que as contas municipais, o promedio de pago a proveedores e o cumprimento da norma de gasto e as normas de estabilidade orzamentaria certificaban a boa xestión económica e a solvencia do Concello de Campo Lameiro.

Entre outros asuntos tratados e que saíron adiante co acordo unánime polos membros da Corporación Municipal estiveron a normativa que rexirá o Rexistro de Asociacións Veciñais do concello e os festivos locais para o vindeiro ano que será o 14 de xuño, San Antonio, e o 29 de setembro, San Miguel.

Asemade, a Corporación aprobou a aplicación da normativa de bonificacións do ICIO a dous veciños polas construccións realizadas nas súas vivendas e a adhesion ao Plan Ágora promovido pola Deputación de Pontevedra para favorece-los espazos públicos.

Por outra banda, aprobouse tamén o destino dos remanentes das obras realizadas a través do Plan Concellos 2018-19 e das obras financiadas pola Xunta a través do Plan Marco (Camiño do Fondo), Saneamento de Rozas, Camiño de Conla e posta en valor de petróglifos (peche madeira Matabois, desbroce e sinalización) para que se destinen á instalación dun sistema de rega na Carballeira do Campo da Feira e un parque infantil en Alagoa.

 

Tamén se aprobou o inicio do expendiente de contratación do proxecto de renovación, mellora da eficiencia enerxética e adaptación ao regulamento de eficiencia enerxética do alumeado público do concello de Campo Lameiro que conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) por importe de 200.804,28 euros e un investimento total de 251.005,36 euros.

 

Ademais, deuse conta ao Pleno dos decretos de Alcaldía derivados do Estado de Alarma motivado polo Covid 19 e o rexidor, Carlos Costa, procedeu tamén a da-las grazas públicamente a todo o pobo de Campo Lameiro polo seu comportamento exemplar durante o confinamento e pola súa colaboración activa nas iniciativas desenvolvidas desde o Concello. Tamén fixo lectura das doazóns recibidas en materia de hipoclorito, gasóleo, traballo voluntario, cesión de maquinaria, etc. realizada tanto por particulares, como por empresas, autónomos ou membros da Corporación.

 

No apartado de mocións, o Pleno aprobou, cos votos a favor do PPdeG e Porvir e a abstención dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE, unha moción presentada pola voceira desta última formación política, Martina Viétez Ferro, en contra da proposta do Goberno de España de facerse cos remanentes de tesourería dos concellos e pola “vulneración” da autonomía das administracións locais.

 

Unha moción similar, presentada polo PPdeG tamén recibiu o mesmo respaldo dos edís populares e de Porvir, mentras que os concelleiros socialistas se abstiveron aducindo que aínda que eran coincidentes con varios puntos que se incluían nas debanditas mocións consideraban que a orixe do problema estaba na Lei de Estabilidade Orzamentaria do ano 2012 aprobada polo Goberno Rajoy e que lle impedía aos concellos facer uso deses remanentes.

 

Martina Viéitez presentou tamén unha moción en contra do que consideraba como comportamento abusivo de Abanca polo cobro de comisións de mantemento nas contas que foi aprobada por unanimidade dos concelleiros presentes.

 

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE presentou unha moción como consecuencia da polémica xurdida hai uns días ante a posibilidade de que a Xunta de Galicia reducira en dous profesores o cadro docente do CEIP Pedro Antonio Cerviño. Esta moción saiu adiante cos votos favorables dos dous edís socialistas e a abstención dos 5 concelleiros do PPdeG e os dous de Porvir ao considerar que aínda que eran contrarios á reducción de profesores no centro, a moción presentada polo PSOE non estaba actualizada xa que había horas que lle confirmaran ao alcalde que a redución de profesores limitaríase a un so profesional do ensino e que o centro mantería un total de 10 ensinantes (2 en infantil, 2 en primaria, 1 profesor de educación física, 1 profesor de inglés, 1 profesor de música, 1 PT e 1 AL, así como 1 en setembro).

 

Segundo o alcalde, Carlos Costa, onte mesmo a Xunta lle confirmaba que a petición da dirección do centro de non diminuír nada máis que nun efectivo o cadro de persoal docente era aceptado e que polo tanto a merma que se prevía quedaba reducida a un mestre, cumprindo así con 10 profesores o ratio previsto para o alumnado existente.

 

Precisamente este tema deu orixe a un pequeno intercambio de pareceres entre os tres grupos políticos presentes na Corporación sobre a necesidade de implementar medidas que fagan que os 140 nenos empadroados no concello menores de 10 anos se escolaricen no CEIP Pedro A. Cerviño en lugar de escoller outros colexios fóra do municipio o que vai en detrimento do mantemento do cadro de persoal do centro educativo en Campo Lameiro.

 

O voceiro do PSdeG-PSOE, Adrián Vidal, insistiu na necesidade de vota-la moción nos termos nos que estaba redactada e nos que se dicía que serían 7 en lugar de 10 os profesores adscritos a este centro o que motivou que o resultado fose 2 votos a favor (PSOE) e a abstención do resto de concelleiros presentes que respaldaban a necesidade de apostar pola educación e os medios materiais e humanos do centro educativo pero que non podían respaldar unha moción inexacta.

 

Finalmente, no capítulo de rogos e preguntas o alcalde, Carlos Costa, respostou unha amplia batería de cuestións realizadas pola voceira de Porvir, Martina Viéitez sobre temas relacionados co funcionamento interno do Concello reclamando a creación dun Reglamento de Organización Municipal (ROM), reclamou que se lle resposta ás preguntas formuladas por escrito, ter acceso ás actas das comisións de goberno, etc.

 

Tamén preguntou sobre si o Concello tiña pensado seguir cos traballos de desinfección polo Covid-19 ao que o alcalde, Carlos Costa, respostoulle que están pautadas nos plans de traballo e que, de feito, síguense facendo con regularidade agás cando chove que é improcedente. Costa confirmou o compromiso do goberno de seguir coa desifección en todos e cada un dos lugares e aldeas do municipio, incluídos os parques infantís aínda que non están accesibles aos nenos e nenas polas recomendacións das autoridades sanitarias.

 

A voceira de Porvir interesouse tamén polo mal estado de varios viais municipais en Castro de Orto, Cimadevila ou A Chanciña así como polos cortes no subministro de auga. O alcalde respostoulle que as estradas municipais estanse arranxando á medida das posibilidades e que é imposible acometelas todas a un tempo e que se van resolvendo os problemas máis graves.

 

No tocante á auga o alcalde sinalou que foi un problema puntual de uso inadecuado por parte de veciños que regaban hortos, xardíns ou encheron piscinas e non tanto de subministro ou capacidade dos depósitos posto que había auga suficiente, pero todos a un tempo esgotaron tódolos recursos.

 

Os concelleiros da oposición solicitaron que houbera un maior control sobre os contadores e se estudiara a necesidade de amplia-los depósitos municipais existentes. O alcalde dixo que tomaba nota das suxestións realizadas, pero que neste fallo puntual no subministro obedecía a un uso inadecuado da auga por parte dalgúns veciños.

 

A oposición interesouse tamén pola retirada dos niños de velutina. O alcalde respostou que se eliminan por operarios municipais nas proximidades ás casas en menos de 24 horas e os outros son notificados á Xunta para que proceda a retiralos.

 

Tamén preguntaron pola marcha das obras do Centro de Estancia. O rexidor sinalou que as obras paráranse polo Covid, pero que volverán recupera-lo seu ritmo co fin de que podan estar rematadas canto antes e o servizo se poida prestar á veciñanza o máis axiña posible.

 

Carlos Costa confirmou que non se celebrará a Xuntanza da Terceira Idade por precaución ante a situación derivada do Covid-19 e confirmou que se buscará o concurso de máis establecementos hosteleiros do municipio para novas iniciativas de promoción ou dinamización local dado o interese e a disposición mostrada polos propietarios destes establecementos a colaborar co Concello nas actividades que se leven a cabo.

 

Costa tamén confirmou que se acometerán procesos de sinalización en canto a tonelaxe e velocidade a aplicar a vehículos que circulen por diversos tramos municipais que se están arranxando ou susceptibles de regular o tráfico por petición cidadá e por seguridade viaria como a colocación tamén de lombos que diminúan a velocidade do tráfico.

 

Finalmente, deuse lectura por parte da secretaria-interventora municipal, Mercedes González Budiño, a sendos informes técnicos solicitados ante unha serie de inconvintes observados coa posta en marcha da nova depuradora referentes á aparición dunha plaga de mosquitos e cheiros dimanantes desta instalación.

 

Os técnicos informaron dos trámites legais seguidos para a súa posta en funcionamento así como das medidas tomadas pola empresa instaladora para correxir os problemas detectados. Así, elimináronse a través de tratamento a plaga de mosquitos e se adoptaron diferentes medidas sobre o leito bacteriano así como para o selado de aliviadeiros existentes. O informe recomenda o baleirado de fangos, polo menos unha vez ao ano para evitar cheiros, e manter limpa a reixa de desbaste.

Back to top