O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO LEVA A CABO A RESTAURACIÓN DOS RESTOS DUN ANTIGO BALDAQUINO EN PEDRA DO SÉCULO XVI ATOPADO NA IGREXA DE SAN ISIDRO DE MONTES
O Concello de Campo Lameiro leva a cabo a restauración dos restos dun antigo baldaquino en pedra, datado nos anos 1520-1530, que foi descuberto polo cura párroco Fermín Santiago Iglesias na igrexa de San Isidro de Montes. Esta actuación conta cunha achega de 2.965,44 euros por parte da Deputación a través do seu programa de axudas para rehabilitar o patrimonio histórico e cultural en toda a provincia.
O achádego feito no ano 2021 por Fermín Santiago deixou a descuberta a calidade da labra de varios fragmentos dun baldaquino de pedra dunha feitura superior a outros exemplos conservados no propio concello como o da igrexa de San Cristovo de Couso, xa que se trata dun medio relevo bastante proporcionado, segundo manifestou a encargada do estudo histórico-artístico, Dolores Barral Ribadulla.
Así, segundo Barral Ribadulla estariamos ante uns fragmentos do Pecado Orixinal, do Martirio de San Sebastián e do Enterro de Cristo.
Dada a gran importancia do achádego, o Concello de Campo Lameiro en colaboración co cura párroco Fermín Santiago solicitou a colaboración económica da Deputación de Pontevedra a través do plan de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural para a recuperación e posta en valor destes elementos.
REHABILITACIÓN, A CARGO DA EMPRESA ESPECIALIZADA ÁRBORE
Os traballos de rehabilitación corren a cargo da empresa especializada Árbore Sociedade Cooperativa Galega a cal se atopa nestes momentos realizando os últimos retoques para que, posteriormente, esta peza poda quedar exposta e sexa visitable polos ferigreses e público en xeral na propia igrexa de San Isidro de Montes, en Campo Lameiro. Ademais, no exterior do templo haberá un cartel explicativo sobre as característisticas técnicas e artísticas desta peza singular que agora se recupera para a súa conservación.
Segundo manifestou o alcalde, Carlos Costa “é un motivo de satisfación ter conseguido a colaboración de todos os sectores implicados para recuperar unha peza en pedra dunha beleza extraordinaria e que forma parte do rico e variado patrimonio histórico, cultural e artístico que atesoura o noso concello e que temos a obriga non so de conservar nas mellores condicións posibles senón tamén divulgar e favorecer o seu estudio para ampliar o coñecemento sobre a nosa historia e o papel que xogaron os nosos ancestros na construción do noso país”, indicou o alcalde de Campo Lameiro.