Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CAMPO LAMEIRO CELEBRARÁ O VINDEIRO 10 DE XULLO A SÚA PRIMEIRA FEIRA MULTISECTORIAL CON MÁIS DE MEDIO CENTO DE STANDS DE EMPRENDEDORES CON PRODUTOS DA TERRA E ARTESÁNS E A EXALTACIÓN DA AUGARDENTE

O Concello de Campo Lameiro celebrará o vindeiro domingo 10 de xullo a súa Primeira Feira Multisectorial na que participarán máis de medio cento de stands de emprendedores con produtos da terra e artesáns que amosarán as súas creación nunha xornada na que haberá obradoiros de queixo, pimentón, petróglifos, lume e perforacións para que poida participar activamente o público asistente.

Nesta xornada terá un papel fundamental a exaltación da augardente, nun xesto do Concello de Campo Lameiro por recuperar as vellas tradicións que estiveron moi ligadas a este municipio onde xa se organizou unha festa do augardente. Así, durante a Feira Multisectorial estarán presentes potas para facer augardente e se fará unha pequena exhibición de como se destilaba antes por estas terras.

Durante toda a xornada haberá servizo de bar e tamén polbo a feira servido por Pulpería A Fuchela. A Feira Multisectorial abrirá ás 10 da mañá e estará amenizada durante todo o día pola música da Charanga Os Encerellados. O evento comercial e festivo rematará cun concerto do grupo Galifunk.

Esta iniciativa para dinamizar económicamente o concello de Campo Lameiro está aberta á participación de empresarios e emprendedores locais para o cal desde o Consistorio se remitiron cartas aos establecementos comerciais facilitándolles a posibilidade de participar cun stand nesta Primeira Feira Multisectorial.

Ata o momento están confirmados sectores relacionados coa produción de mel, cervexa artesanal, queixo, especias, productos da horta, gofres, vermú, conservas, zumes, queixos veganos con froitos secos, pan, empanadas, marmeladas, rosquillas artesanas, gominolas artesáns, cárnicas (chourizos, porco celta, carne cachena, galiña de Mos), plantas, frutais, xoiería, zocos, canteiría, bisutería, cosmética natural, xoguetes de madeira, impresión de camisetas, libros, inciensos naturais, amigurumis, flores de ganchillo, simboloxía celta, xabóns, colonias artesanais, madeira torneada, cosmética vegana e natural Juchheim, aceites, cremas, antigüidades, reloxos en vinilo, chaveiros, botellas, xoieiros, marcos, etc.

OBRADOIROS PARA TODA A FAMILIA

Dentro das actividades da Feira Multisectorial de Campo Lameiro os obradoiros xogarán un papel fundamental así, o de Queixo ten previsto catro quendas de 25 nenos e nenas cada unha que se realizarán ás 13 horas, 16:30 horas,18:30 horas e 20:30 horas.

O obradoiro de «Perforadores» será ás 12 do mediodía, mentras que o dos «Rexistro da arte rupestre» será ás 17:30 horas e o do «Lume» ás 19:30 horas.

 

Back to top