CAMPO LAMEIRO BRINDA CON ESCUMOSO, REPENIQUE DE CAMPÁS E BOMBAS DE PALENQUE TRAS SER DESIGNADO “CAPITAL DO TURISMO RURAL 2023” GRAZAS AO APOIO DE TODA ESPAÑA
O concello de Campo Lameiro acaba de ser designado “Capital do Turismo Rural 2023” tras recibir o maior número de votos e de apoios de toda España no concurso levado a cabo a nivel nacional polo prestixioso portal turístico EscapadaRural e que se acaba de facer público esta mañá.
A nova correu como a pólvora durante toda a mañá de hoxe e tanto o alcalde como os colaboradores da campaña a prol de Campo Lameiro celebraron con alegría este triunfo histórico. Bombas de palenque, repenique de campás e o descorche de botellas de escumoso galego animaron a celebración.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, sinalou emocionado que “estamos ante un fito histórico conseguido polos nosos veciños e do que se falará durante anos pola trascendencia que isto ten para a imaxe, o turismo e a economía do noso pobo”.
Campo Lameiro foi elixido como un dos 10 finalistas grazas a Elena Souto Ruzo, de Casa Rural da Avoa María, que foi quen iniciou a candidatura para que o municipio fora considerado no proceso de selección en toda España para se converter en «Capital do Turismo Rural 2023». Carlos Costa agradeceu que tivera esta iniciativa que contou co apoio do Concello e de toda a veciñanza.
“AGRADECEMENTO ESPECIAL AOS MEUS VECIÑOS”
Así, Carlos Costa agradeceu tamén a colaboración de todas as persoas, concellos, entidades, Deputación, Xunta de Galicia, artistas, músicos e persoas en xeral que amosaron o seu cariño e solidariedade coa candidatura deste municipio, “pero especialmente quero agradecerlle os meus veciños que confiaran en todo momento en nós, que loitaran, que defenderan os valores do noso estilo de vida e sobre todo que foron auténticos embaixadores do noso patrimonios arqueolóxico, natural, etnográfico e paisaxístico. Síntome profundamente orgulloso de todos eles”, indicou o alcalde.
“Fumos quen de trasladar a toda España unha imaxe amable e acolledora da nosa xente. Demostramos que os veciños e veciñas de Campo Lameiro fóra de calquera competición e de calquera dúbida somos boa xente, empáticos e solidarios e iso foi a única baza que tiñamos fronte a moi bos competidores que, certo é, tiñan méritos de sobra e fan máis grande este logro histórico para Campo Lameiro”, indicou orgulloso Carlos Costa.