CAMPO LAMEIRO ACOLLE A II MESA DE COORDINACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CUNHA AMPLA ASISTENCIA DE PONENTES
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe xunto co alcalde, Carlos Costa, a Subdelegación do Goberno, concelleiros do grupo de goberno e da oposición, asociacións de mulleres rurais, colectivos sociais, ANPA, o CEIP Pedro A. Cerviño, representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, asociacións de vítimas, etc. na II Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero de Campo Lameiro, que contou tamén coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra, onde se abordaron, entre outras cuestións, exemplos de boas prácticas para a sensibilización social contra a violencia de xénero e a súa prevención.
O obxectivo destas mesas, que López Abella aproveitou para valorizar, é o de promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións de cara á erradicación desta lacra. Destacaron o papel fundamental que representa a detección precoz dos casos de violencia de xénero e a resposta áxil” ás vítimas. Non menos importante, subliñaron, é a contribución destes órganos á sensibilización, no eido local, en materia de igualdade.
Nas mesas locais están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. Estes órganos constitúen exemplo da suma de esforzos das diferentes administracións, como a autonómica e a local, na prevención e erradicación da violencia de xénero. Son fundamentais, segundo expresou, para artellar medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, e tamén para procurar medios axeitados a cada caso.
Na reunión celebrada hoxe en Campo Lameiro analizáronse exemplos de boas prácticas para a sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero e para informar dos recursos dispoñibles tanto para centros educativos, entidades asociativas ou para a mocidade, entre outros ámbitos.
Durante a celebración da Mesa abriuse un diálogo sinceiro e moi participativo onde todos os presentes ofreceron o seu punto de vista e aportaron propostas e solucións para combatir, sobre todo, o silencio cómplice que rodea ás vítimas da violencia de xénero, sobre todo no ámbito rural.
Disertaron sobre a importancia da coeducación dos nenos e nenas na escola, no seo das familias e na sociedade en xeral. Condearon o perigo que representa o acceso inadecuado ao ciberespazo, ás novas tecnoloxías, internet e sobre todo á pornografía nas redes sociais que perturban o acceso á información afectivo-sexual das novas xeracións.
Tamén falaron da importancia de erradicar os comportamentos sexistas, o sexismo nos xoguetes de Nadal, a importancia da implicación activa da sociedade contra o maltrato, etc.
Nesta II Mesa estiveron presentes Mulleres Rurais A Chanciña (Flora Fentanes), Viogen de Vilagarcía, Garda Civil de Cuntis, o párroco Fermín Santiago, a voceira de Porvir (Martina Viéitez), a concelleira de Servizos Sociais (Nieves Boullosa), o voceiro do PSdeG-PSOE (Adrián Vidal), a consultora técnica en Igualdade (Mónica Novás), o alcalde (Carlos Costa), a secretaria xeral de Igualdade (Susana López Abella), a concelleira de Igualdade (Delia Carramal), a traballadora social (Ángeles Tato), EMUME Pontevedra, a director da CEIP Pedro Antonio Cerviño (Ana María Figueiro), a Asociación ESMAR NON VIOLENCIA (Soledad Cores), CEMVI (Elena Molanes), a ANPA San Miguel (Minia Díaz) e a Asociación de Veciños de Fragas (Banesa Otero).