O MAL USO DA AUGA PARA CONSUMO DOMÉSTICO PROVOCA QUE O CONCELLO TEÑA QUE FACER UN CORTE NOCTURNO PARA QUE O DEPÓSITO MUNICIPAL RECUPERE A SÚA CAPACIDADE E SE POIDA GARANTIR O SUBMINISTRO
O Concello de Campo Lameiro levará a cabo un corte do subministro de auga para uso doméstico no centro da vila ante o uso irresponsable de veciños que se dedicaron a encher piscinas, regar xardíns e hortos ou lavar coches e beirrarúas provocando que as reservas hídricas municipais baixaran ata límites alarmantes que aconsellan tomar esta medida drástica e excepcional.
As autoridades municipais vense na obriga de recurrir a este tipo de cortes nocturos que, en principio, afectará á noite do martes para o mércores e desenrolarase desde as 00:00 ata as 6:00 horas da madrugada do mércores co fin de que o depósito poida recuperar a máxima reserva de auga posible.
Pese a que o Concello de Campo Lameiro editou un Bando urxente para que a veciñanza tomara conciencia e fixera un uso responsable da auga, operarios municipais tiveron que amonestar e advertir a algún veciño polo uso indiscriminado do subministro de traída municipal para encher piscinas, regar xardíns e hortos e outros usos que non están previstos pola ordenanza e que poñen en perigo a utilización solidaria dos recursos hídricos do concello.
O alcalde, Carlos Costa Domínguez, pide disculpas anticipadas polos contratempos e incomodidades que poida causar esta medida, pero “é necesario para recuperar un mínimo de reservas que garanticen o subministro ao longo da xornada. Fanse pola noite entre as 12 e as 6 horas da madrugada para causar as menos molestias posibles e tense que facer así porque hai xente insolidaria que non en conta que un mal uso da auga perxudida ao conxunto dos seus veciños, máximo agora que estamos nunha situación de cambio climático e onde os veráns son máis secos e non se produce unha pluviosidade como antaño. Temos que aforrar no uso da auga e utiliza-la para o que é, para consumo humano, para uso doméstico e non para outras cousas que, por desgraza, estamos vendo e nos sentimos moi decepcionados”, sinalou o rexedor de Campo Lameiro.
Costa Domínguez agarda que estas medidas logren paliar o desequilibrio detectado e que a concienciación cidadá axude a que se faga, entre todos, un consumo responsable da auga para non ter que repetir ou prolongar esta medida de restricción no subministro do fluído hídrico nos domicilios do centro da vila.