Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO CONVERTE AOS SEUS VECIÑOS EN PROTAGONISTAS DUN VÍDEO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O traballo, no que participaron membros de entidades culturais, sociais, deportivas, centros educativos, establecementos comerciais e persoas a título individual, será visionado o 25-N no Auditorio Sobrino Buhígas

Os veciños e veciñas de Campo Lameiro convertéronse en protagonistas dun vídeo contra a violencia de xénero elaborado polo Concello para visibilizar o rexeitamento unánime deste municipio a esta lacra cuxa loita se reivindica a nivel internacional o 25 de novembro.

Este traballo audiovisual, no que participaron membros de entidades culturais, sociais, deportivas, establecementos comerciais que decoraron os seus escaparates, centros educativos e persoas a título individual, será visionado o 25-N, ás 12 do mediodía, no Auditorio Sobrino Buhígas dentro das actividades impulsadas polo Concello de Campo Lameiro para aumenta-la visibilización deste problema e concienciar á cidadanía no seu conxunto da necesidade de impulsar políticas activas de prevención e loita contra a violencia de xénero.

O vídeo conta coa particpación de veciños e veciñas de tódalas idades agrupados en asociacións culturais, sociais e deportivas así como establecementos comerciais, centros educativos e persoas a nivel individual se prestaron a expresa-lo seu rexeitamento individual e colectivo á violencia de xénero.

Debido á desbordante resposta e ante a necesidade de pechar dalgún xeito a participación da xente no vídeo, o Concello veuse na obriga de ter incluso que habilitar outro traballo audiovisual composto por fotografías remitidas polos veciños e veciñas para incluílas que se incluíron tamén noutro formato para lograr que ninguén se quedara fóra desta iniciativa participativa do conxunto da sociedade lameirá.

O Concello de Campo Lameiro, e en especial o seu alcalde Carlos Costa, agradece ao conxunto da cidadanía a súa participación activa na elaboración destes traballos audiovisuais que “dan visibilidade a un problema que non é individual senón que ten que ser tratado e atacado de xeito coordinado por todos: as administracións, as familias, as persoas…, en definitiva, por toda a sociedade porque cando sufre violencia de xénero unha muller aténtase contra toda a sociedade”, indicou o rexedor.

O novo equipo de goberno manifestou o seu desexo de continuar con este tipo de iniciativas de participación cidadá como xeito de afrontar colectivamente os problemas e os retos aos que se ten que enfrontar o municipio de Campo Lameiro polo que agradeceu o respaldo social a este proxecto e anunciou que “seguiremos contando con todo o mundo para facer grandes cousas porque queremos que os nosos veciños sexan os auténticos protagonistas da vida municipal”, rematou o alcalde Carlos Costa.

Back to top