Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A I ROMARÍA E MERCADO ARTESANAL DE SAN MARTIÑO DE PENALBA DESAFIOU Á CHOIVA E REUNIU A MEDIO CENTO DE ARTESÁNS E NUMEROSO PÚBLICO

Diversas actividades completaron un día desapacible onde o churrasco e o polbo a feira convertéronse en alternativas gastronómicas da xornada

Os veciños de Campo Lameiro desafiaron á intensa choiva que caeu durante toda a xornada electoral de hoxe e asistiron á I Romaría e Mercado Artesanal de San Martiño de Penalba, unha iniciativa levada a cabo por iniciativa do cura párroco de Campo Lameiro, don Fermín e que conta coa colaboración do Concello e da Comisión de Festas de San Miguel.

Medio cento de artesáns se deron cita debaixo das carpas facilitadas pola organización e os asistentes puderon ver auténticas obras de arte en diversos materiais, formas e cores facendo desta iniciativa un xeito de dinamiza-lo mundo rural en xeral e o municipio de Campo Lameiro en particular.

Ao longo da xornada fóronse realizando diversas actividades culturais e musicais complementarias como a actuación da Banda de Música Unión Cultural de Campo Lameiro, o dúo Caché e Nueva Era, así como atractivos gastronómicos como polbo á feira e churrasco ademais dunha chocolatada con churros como colofón desta xornada.

O alcalde, Carlos Costa Domínguez, e as concelleiros Nieves Boullosa, Delia Carramal e Alberto Maquiera, supervisaron a colocación dos diversos stands presentes na romaría e mercado habilitado en Penalba e manifestaron a súa satisfacción pola implicación activa tanto dos artesáns expositores como dos veciños e veciñas que, pese ás malas condicións metereolóxicas, se achegaron para colaborar nesta primeira iniciativa de dinamización local.

“Un dos nosos compromisos é a dinamiza-lo noso pobo e ofrecer todo tipo de alternativas para reivindicar ao noso concello dentro da comarca como un lugar para vivir, para investir e para disfrutar desde un punto de vista turístico, gastronómico e tamén un lugar onde ten cabida o emprendemento individual e colectivo. Pretendemos facer protagonistas do futuro de Campo Lameiro aos nosos veciños e os nosos recursos turísticos, gastronómicos e culturais”, sinalou o alcalde Carlos Costa.

 

Back to top