SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DE ALOXAMENTO E DE RESTAURACIÓN

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 227 do 28 de novembro de 2019

OBXECTO

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A QUEN VAI DIRIXIDO

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, en base aos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES:

Son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos

  1. Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
  2. As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

  1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
  2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
  3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
  4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
  5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
  6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.

O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que adapte o proxecto que se vai executar ao citado límite.

Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.

Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se for o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.

GASTOS SUBVENCIONABLES:

Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

  1. Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
  2. Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, como menaxe de cociña e comedor (vaixela, xogo de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios).
  3. Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría, …).
  4. Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
  5. Gastos de conectividade.
  6. f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

IMPORTE DA SUBVENCIÓN:

Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 35 % sobre o orzamento do investimento subvencionable

O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 35.000 euros. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:

Puntos % axuda
61-100 35
41-60 30
20-40 25

As solicitudes cunha puntuación inferior a 20 puntos non poderán obter subvención.

REQUISITOS

  1. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 19.b) destas bases.
  2. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.
  3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
  4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante unha declaración responsable do interesado.
  5. Unha vez recaída a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Dende o 29/11/2019 ata 30/12/2019

NORMATIVA

Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 227 do 28 de novembro de 2019).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191128/AnuncioG0256-191119-0001_gl.html

 

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar