PRIMEIRA FORESTACIÓN DE TERRAS NON AGRÍCOLAS

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 232 do 5 de decembro de 2019).

OBXECTO

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder a súa convocatoria para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva.

LIÑAS DE AXUDAS

As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

  1. Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo I desta orde (coníferas).
  2. Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo II desta orde (frondosas).

TIPOS DE SUPERFICIES OBXECTO DE AXUDA

  1. Poderán ser obxecto de axuda as actuacións naqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como forestal (FO), pasto con arboredo (PA) ou pasto arbustivo (PR).
  2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, en todo caso, e o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a normativa de desenvolvemento.
  3. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.
  4. Non se concederá axuda sobre superficies situadas en Rede Natura 2000 con hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE.
  5. A cualificación urbanística das parcelas que se vaian forestar debe admitir as actuacións polas que se solicita axuda

INTENSIDADE DA AXUDA

A intensidade de axuda para estas actuacións será do 100 % e a axuda calcularase sobre o custo real subvencionable do investimento determinado no correspondente proxecto técnico ou no anexo XIII, segundo sexa o caso.

ACTUACIÓNS OBXECTO DE AXUDA E IMPORTES MÁXIMOS SUBVENCIONABLES

  1. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:
  2. a) Gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais:

Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios forestais.

O importe máximo do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo III, será de 1.853 euros en especies do anexo I (coníferas) e de 2.398 euros en especies do anexo II (frondosas).

Este importe máximo de investimento por hectárea de actuación incluirá as axudas da medida 8.3 outorgadas na mesma superficie nos últimos 5 anos, sendo o computo deses anos con respecto ao ano de concesión da axuda (polo que na convocatoria do ano 2020 será desde o ano 2015 en diante).

  1. b) As infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e cartel das novas forestacións que se realicen ao abeiro desta orde estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:
  1. Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto de forestación.
  2. importe máximo do investimento calcularase aplicando os valores máximos recollidos no anexo III, será de 255 euros por cartel (máximo subvencionable: un cartel por solicitude e só no caso de que o solicitante estea obrigado á súa colocación); de 7.580 euros por quilómetro de peche perimetral, e de 2.956,07 euros por quilómetro de arranxo de pista forestal.
  3. Ademais, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no arranxo de pista forestal e de peche perimetral será de 720 euros. No caso do peche só se subvencionará cando se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética…).
  1. c) Tamén se subvencionarán os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo III de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.
  2. d) As superficies que, conforme o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben plantarse obrigatoriamente con frondosas do anexo I da Lei 7/2012 non poderán excluírse da superficie obxecto de actuación, salvo que as ditas superficies se atopen entre as superficies excluídas no artigo 2 da presente orde ou porque o terreo que se vai plantar non fai viable a súa plantación, o que se deberá xustificar tecnicamente.
  3. O IVE non é subvencionable.

A QUEN VAI DIRIXIDO

Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.

  1. Das axudas previstas nesta orde serán beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
  2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  3. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
  4. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
  5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
  6. a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
  7. b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
  8. c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

  1. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Do 06/12/2019 ata o 22/01/2020

Os traballos solicitados non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

NORMATIVA

Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 232 do 5 de decembro de 2019).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191205/AnuncioG0426-251119-0003_gl.html

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar