NOVAS DO MEDIO RURAL

A XUNTA AUTORIZA AS ACTIVIDADES DE ROZA, MANTEMENTO E LIMPEZA NOS MONTES, NOS PREDIOS EN SOLO RÚSTICO E NAS FINCAS URBANAS DE NÚCLEO RURAL E URBANIZABLE

Deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar e portar os apeiros necesarios, ou ben facer constar que os teñen na parcela ou lugar determinado

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 22 de maio a resolución resolución da Consellería do Medio Rural que autoriza a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico e nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

A medida foi acordada polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria, o mesmo que xa reactivara a obriga da limpeza das faixas secundarias -as dos 50 metros máis próximos ás vivendas- para anticiparse aos lumes forestais.

Así, a resolución autoriza a realizar traballos de xestión de biomasa nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

As rozas, limpezas ou tarefas de mantemento poderán levalas a cabo os titulares desas parcelas ou as persoas que ostenten dereitos sobre as mesmas que as habiliten a tal fin.

Para xustificar o desprazamento, os interesados deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén portar os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na finca ou lugar determinado.

Se os titulares dos terreos teñan contratada con terceiros a xestión da biomasa e precisan desprazarse ás leiras para dirixir os traballos ou por calquera outro motivo relacionado cos labores deberán incluír na declaración responsable os datos da empresa ou persoa contratada: nome ou razón social, NIF, domicilio ou sede e a previsión das datas nas que se levarán a cabo os traballos. Neste caso, non será obrigatorio levar os apeiros, utensilios ou ferramentas.

A XUNTA PUBLICA AS NORMAS E PROTOCOLOS QUE DEBERÁN CUMPRIR OS MERCADOS DE GANDO QUE PODEN VOLVER CELEBRARSE DENDE MAÑÁ

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos.

A Consellería do Medio Rural establece as instrucións pertinentes despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria acordase o levantamento da suspensión de celebración deste tipo de feiras, tendo en conta a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da fase 1 do Plan de desescalada, que levou á reapertura en Galicia dos establecementos comerciais minoristas ou dos mercados ao aire libre.

Así, nos mercados gandeiros que se celebren durante o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte.

Para acreditarse, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade. A estes efectos, a entidade organizadora da feira deberá realizar un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, non permitíndose o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario.

Para evitar a confluencia de persoas, a resolución fixa que as operacións de carga e descarga de gando se deberán realizar de xeito gradual e que a entrada ás dependencias veterinarias se levará a cabo de forma individual. A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

A maiores, todos os usuarios do recinto deberán portar máscara e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de persoas, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólica a disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.

Requisitos para os recintos

Sempre que sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores. Tamén se instalarán na zona de atención aos usuarios da oficina veterinaria, para realizar a entrega e recollida de documentación do xeito máis aséptico posible.

De existir posibilidade estrutural nas dependencias, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, de xeito que non exista cruzamento de persoas. Se no mercado houbera edificio administrativo, a entidade organizadora regulará o seu aforo e nas zonas de maior confluencia mesmo definirá sentidos de circulación, diferenciando ambos sentidos mediante elementos ben visibles.

Na medida do posible, e sempre que non afecte ao benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas, para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas con manetas ou pomos. Unha vez finalizado, a entidade organizadora procederá a limpar todas as instalacións, con especial atención ás superficies de contacto frecuente, como os pomos das portas, mobiliario, pasamáns, chans ou billas, así como os amarres, gaiolas e restantes instalacións para albergar o gando. Para a desinfección, utilizaranse dilucións de lixivia ou calquera outro composto virucida autorizado e rexistrado polo Ministerio de Sanidade. Tras a limpeza, eliminaranse de xeito seguro tanto os materiais e equipos de protección individual utilizados como os residuos xerados.

As entidades organizadoras que desexen celebrar mercados gandeiros durante o estado de alarma poden comunicalo dende mañá aos servizos provinciais correspondentes, sinalando as datas de celebración co obxecto de poder organizar a prestación dos correspondentes servizos veterinarios.

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias poderá suspender a celebración das feiras se considera que non se garanten as medidas sanitarias axeitadas.

CONTINUACIÓN DE PROCEDEMENTOS

 

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar