SUBVENCIÓNS PARA AUDITORÍAS ENERXÉTICAS, IMPLANTACIÓN DE SISTEMAS DE XESTIÓN, E PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DOS SECTORES INDUSTRIA E SERVIZOS

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos, para o ano 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2020).

OBXECTO

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Y).

PROXECTOS QUE SE SUBVENCIONAN

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se executen dentro do territorio da comunidade autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 25.

INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES

Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 7 non serán subvencionables.

Non se admitirá no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

  1. A rehabilitación da envolvente térmica dos edificios, salvo que incorporen elementos dinámicos.
  2. Os sistemas de distribución de calor/frío interior (tubarias, emisores de calor, …) salvo que sexan parte activa do equipo xerador.
  3. A substitución de radiadores eléctricos portátiles.
  4. As instalacións que utilicen enerxías renovables salvo as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.
  5. As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.
  6. Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores, …).
  7. Os sistemas de distribución de electricidade non asociados directamente ao aforro enerxético (canalizacións, carrís, …).
  8. Operacións de mantemento (simples reposición de lámpadas, …).
  9. Vehículos de todas clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.
  10. A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha.

Non se consideran custos subvencionables:

  1. Os gastos de legalización.
  2. O imposto sobre o valor engadido (IVE).
  3. Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

INTENSIDADE DA AXUDA

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000 euros por actuación, salvo no caso das auditorías enerxéticas, cuxo investimento mínimo será de 3.000 euros. En todos os casos o IVE non está incluído.

Importes de axuda: Revisar orde de convocatoria.

A QUEN VAI DIRIXIDO

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo ubicados en Galicia.

Considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas incluídas na Sección B, C ou D do CNAE-2009, coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Tamén serán subvencionables as actividades previstas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, e polo Regulamento 1388/2014 no caso de pemes adicadas á transformación de produtos da pesca e da acuicultura.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das indicadas na alínea a) e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulado no capítulo III do citado real decreto.

As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.

Do 21/01/2020 ata o 20/02/2020

NORMATIVA

Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos, para o ano 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2020).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200120/AnuncioG0474-191219-0003_gl.html

 

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar