PROGRAMA EMPREGA XUVENTUDE PARA PERSOAS MOZAS

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na ORDE do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 .

OBXECTO

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2020, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permaneceren no mercado de traballo, favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.

Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial, a contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses e formación por conta allea (código de procedemento TR349T).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  1. Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal, cunha duración mínima inicial de doce meses, das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
  2. Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

ENTIDADES BENEFICIARIAS

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e coas condicións que se establecen nesta orde.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

  1. Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
  2. Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso agás que adquirira eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
  3. Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa administración.
  4. Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
  5.  Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
  6.  Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
  7.  Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
  8. Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
  9.  Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
  10.  En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilegalidade penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

BONO DE CONTRATACIÓN PARA INCENTIVAR A CONTRATACIÓN INDEFINIDA INICIAL E A TEMPORAL INICIAL DE PERSOAS MOZAS CUNHA DURACIÓN MÍNIMA DE DOCE MESES

REQUISITOS

A persoa desempregada pola cal se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ser menor de 30 anos.
  2. Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.

Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola cal se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e neto da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas mozas excepto os contratos para o formación e o aprendizaxe .

Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial de 12 meses.

Como consecuencia da contratación temporal que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cual se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

CONTÍAS DOS INCENTIVOS

As contratacións indefinidas iniciais realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos contratada que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

No caso de contratacións na modalidade de fixos descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

As contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 3.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se é unha empresa con mais de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.

– Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante; en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

OBRIGAS

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

Para as contratacións indefinidas iniciais son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa traballadora desempregada menor de 30 anos pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación.

c) Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas.

Esta declaración deberá presentarse de cada un dos dous anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntaranse os documentos da relación nominal de persoas traballadoras das 24 mensualidades.

Para as contratacións temporaiscunha duración mínima inicial de doce meses son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo dun ano contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora desempregada pola cual se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Unha vez finalizado o período dun ano do cumprimento destas obrigas, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos 12 primeiros meses da contratación.

Corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e o seguimento deste programa.

PROGRAMA DE BONOS DE FORMACIÓN. PROGRAMA DE FINANCIAMENTO DE ACCIÓNS FORMATIVAS NO CENTRO DE TRABALLO

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES E REQUISITOS

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do Programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

  1. A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no Programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.
  2. En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo as que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
  3. Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.
  4. A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2020.
  5. Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data de publicación desta orde, a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

CONTÍAS DOS INCENTIVOS E CONDICIÓNS DA PERCEPCIÓN

Esta formación incentivarase, no caso das contratacións indefinidas iniciais cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal inicial de doce meses e que en ambos os casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

PRAZO

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da publicación, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Se o último día de prazo é inhábil, entederase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Normativa

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar