AXUDAS PARA REHABILITAR E MELLORAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA E SUSTENTABILIDADE E DE FOMENTO DA CONSERVACIÓN, DA MELLORA DA SEGURIDADE DE UTILIZACIÓN E DA ACCESIBILIDADE EN VIVENDAS

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020. (DOG nº 38 de 26 de febreiro de 2020).

Prazo: Ata 26/03/2020

  • LIÑA A, AXUDA AO FOMENTO DA MELLORA DA EFICACIA ENERXÉTICA E DA SUSTENTACIÓN EN VIVENDAS

A SÚA FINALIDADE É FINANCIAR OBRAS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA E DA SUSTENTACIÓN, CON ESPECIAL ATENCIÓN Á ENVOLVENTE EDIFICATORIA.

Actuacións subvencionables:

Consideraranse actuacións subvencionables da liña A) para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade das vivendas as seguintes:

a) A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluída a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.

b) A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes, mediante actuacións como: a substitución de equipamento de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de control, regulación e xestión enerxética; o illamento térmico das instalacións de distribución e transporte ou a substitución dos equipamentos de movemento dos fluídos caloportadores; a instalación de dispositivos de recuperación de enerxías residuais; a implantación de sistemas de arrefriamento gratuíto por aire exterior e de recuperación de calor do aire de renovación e a conexión de vivendas a redes de calor e frío existentes, entre outros.

c) A instalación de equipamentos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables, como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda. Incluirá a instalación de calquera tecnoloxía, sistema ou equipo de enerxía renovable, como paneis solares térmicos e solucións integrais de aerotermia para climatización e auga quente sanitaria, co fin de contribuír á produción de auga quente sanitaria demandada pola vivenda, ou a produción de auga quente para as instalacións de climatización.

Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior ás actuacións sinaladas nas letras a), b) e c), deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en fomento e enerxía, turismo e/ou axencia dixital, que se encontran no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

Con estas actuacións deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e, un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no Código técnico da edificación (en diante, CTE). A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos, as actuacións sinaladas nas letras b) e/ou c) deberánse realizar sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas na letra a).

d) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE protección contra o ruído (DB-HR).

A xustificación da mellora de protección contra o ruído poderase realizar mediante as opcións do DB-HR ou cunha medición da situación posterior á actuación elaborada por un laboratorio ou entidade, de acordo co artigo 10.3 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

e) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, as que afecten elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou coas cales, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial, polo menos, nun 50 %.

A xustificación destas melloras farase mediante os procedementos que se establezan no documento básico do CTE de salubridade (DB-HS) ou, no seu defecto, en virtude das medicións de comprobación dos correspondentes niveis, de acordo co establecido nas guías de seguridade 11.01 e 11.04, do Consello de Seguridade Nuclear.

Nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ademais das anteriores actuacións, serán subvencionables as seguintes:

a) A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela, mediante actuacións como a substitución de lámpadas e luminarias por outras de maior rendemento enerxético, xeneralizando, por exemplo, a iluminación LED, instalacións de sistemas de control de acceso e regulación do nivel de iluminación e aproveitamento da luz natural.

Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior a esta actuación deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en fomento e enerxía, turismo e/ou axencia dixital, que se encontran no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

Con esta actuación deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e, un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no CTE. A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos, esta actuación deberase realizar sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas neste punto tres,1.a).

b) A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público da rede de sumidoiros.

c) A mellora ou acondicionamento de instalacións para a adecuada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.

d) O acondicionamento dos espazos privativos da parcela, co obxecto de mellorar a permeabilidade do solo, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas.

e) As actuacións que fomenten a mobilidade sustentable nos servizos e nas instalacións comúns dos edificios ou urbanizacións, tales como a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcadoiros ou a adecuación de zonas e instalacións de aparcadoiros de bicicletas.

f) As instalacións de fachadas ou cubertas vexetais.

g) A instalación de sistemas de domótica e/ou sensórica.

  • LIÑA B, AXUDA AO FOMENTO DA CONSERVACIÓN, DA MELLORA DA SEGURIDADE DE UTILIZACIÓN E DA ACCESIBILIDADE EN VIVENDAS

A SÚA FINALIDADE É FINANCIAR OBRAS DE CONSERVACIÓN, DA MELLORA DA SEGURIDADE DE UTILIZACIÓN E DA ACCESIBILIDADE.

Actuacións subvencionables:

Consideraranse actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, as seguintes actuacións:

a) As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.

b) As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluídos os procesos de desamiantado.

c) As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

Consideraranse subvencionables da liña B), para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e no interior das vivendas.

d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros e análogos.

e) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

f) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido á vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.

g) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

Beneficiarios: Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios das vivendas ou edificios a rehabilitar, as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades e as agrupacións de propietarios. Tamén poderán beneficiarse os inquilinos da vivenda que asuman, en virtude dun acordo co arrendador, o custo das actuacións de rehabilitación, a cambio do pagamento da renda.

Requisitos das vivendas:

Para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996.

Será requisito específico das actuacións que se realicen nas vivendas unifamiliares ou nas vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva que estas constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas inquilinas ou moradoras, no momento de presentar a solicitude deste programa, o que se acreditará co correspondente certificado de empadroamento.

Serán requisitos específicos das actuacións que se realicen en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva os seguintes:

a) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles.

b) Que, polo menos, o 50 % de todas as vivendas do edificio constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias, inquilinas ou moradoras no momento de solicitar as axudas. Non se terá en conta este requisito cando se trate dunha persoa propietaria única que tivese que proceder ao realoxamento das persoas inquilinas para efectuar a rehabilitación, se ben deberá xustificar esta circunstancia, así como o compromiso de destinar as vivendas obxecto da rehabilitación ao domicilio habitual das persoas inquilinas.

c) Que as actuacións conten co acordo de executar as obras da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias. Este requisito non se exixirá cando a propiedade do edificio corresponda a unha soa persoa, física ou xurídica.

As resolucións de convocatoria poderán incluír requisitos específicos relativos ao inicio e á finalización das actuacións de rehabilitación.

Para a obtención destas axudas é necesario que se achegue o proxecto das actuacións que se vaian realizar. Se este non é preciso para a autorización das obras, achegarase unha memoria onde se xustifique a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación (en diante, CTE) e a demais normativa de aplicación. Na memoria identificarase o edificio ou vivenda que se vai rehabilitar, describiranse as actuacións que se vaian realizar, a xustificación da súa necesidade e deberá incluír fotografías onde se amosen os elementos que se rehabilitarán, así como o orzamento desagregado e detallado do investimento. A memoria deberá estar asinada por técnico/a competente, sendo este o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

Cando sobre un mesmo elemento ou sistema construtivo se soliciten axudas que resulten subvencionables polas dúas liñas de axudas, deberán identificarse e desagregarse, debéndose adscribir a unha soa das dúas liñas. No suposto de que se solicitasen axudas da liña A) e non se acade a redución enerxética exixida, tramitarase como solicitude de axudas da liña B), se se cumpren o resto dos requisitos exixidos.

O prazo para executar as obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que poida exceder os vinte e catro meses, contados desde a data de notificación da citada resolución. Este prazo poderase ampliar excepcionalmente ata os vinte e seis meses, mediante resolución do órgano concedente, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, cando se trate de obras da liña A), para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ou de actuacións que afecten a 40 ou máis vivendas.

Cando o prazo de execución fixado na resolución de concesión fose inferior ao sinalado no parágrafo anterior, este poderá ampliarse ata o citado prazo máximo, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, se concorresen causas que a xustifiquen e sempre que se conte coa correspondente dotación orzamentaria.

Nas solicitudes das axudas, as persoas e as entidades solicitantes farán constar as anualidades en que pretenden executar as actuacións, co importe do orzamento imputable a cada exercicio, o cal será vinculante para os efectos da concesión da axuda e do seu pagamento, salvo no suposto de que se solicitase un reaxuste de anualidades, en cuxo caso se estará ao establecido no punto 7 do ordinal vixésimo terceiro.

Para os efectos da determinación do custo total das actuacións subvencionables poderanse incluír, ademais, as actuacións preparatorias que se teñan realizado antes da data da presentación da solicitude tales como o custo da redacción dos proxectos, os honorarios das persoas profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos. Na resolución de convocatoria estableceranse os límites temporais para subvencionar, de ser o caso, os custos correspondentes á execución de obras que fosen facturados e aboados con anterioridade á súa publicación.

O custo das actuacións subvencionables, incluíndo os gastos sinalados no punto anterior, non poderán superar os custos medios do mercado, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da Base de prezos da construción de Galicia ou normativa que a substitúa.

Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Contía das axudas:

A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 por cento do custo subvencionable da actuación sempre dentro dos límites que se indican nos cadros seguintes. No caso de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem a porcentaxe poderá chegar ao 75 por cento. A porcentaxe tamén poderá chegar ao 75 por cento no caso de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

O importe máximo das axudas será o seguinte:

Liña A. Máximo 12.000€ (18.000 € persoa minusvalía e 24,000€ persoa con parálise cerebral, enfermidade mental…discapacidade do 33% ou 65% si é física ou sensorial). Nos pisos colectivos Max 8000€/piso máximo 80€/m2

Liña B. Máximo 3.000€ (30€/m2). Para accesibilidade e seguridade ata 8.000€ (80€m2) INCREMENTASE 1000€ NO CASO DE SER BIC, e un 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores  de 35 anos  e as  actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 hab.

As axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trata de inmobles declarados Ben de Interese Cultural, estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Ademais, as axudas incrementaranse nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Solicitudes: O prazo de presentación de solicitudes será de un mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG, rematando o 26 de marzo de 2020.

Efectos retroactivos das axudas: As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación da convocatoria no DOG. Non obstante o anterior, aquelas persoas ou entidades que tendo solicitado estas axudas ao abeiro da Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (DOG, núm. 143, do 30 de xullo), e lles fosen denegadas por esgotamento do orzamento, poderán ter iniciado actuacións con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019, así como telas finalizadas antes da publicación da convocatoria.

Normativa: 

RESOLUCIÓN de 6 de febrero de 2020 por la que se convocan distintas líneas de subvenciones para actuaciones de rehabilitación gestionadas por el Instituto Gallego de la Vivienda y Suelo para el año 2020. (DOG nº 38 de 26 de febrero de 2020).

Enlace a la normativa

Resolución de 15 de julio de 2019 por la que se establecen las bases reguladoras de las subvenciones de los programas de fomento de mejora de la eficacia energética y sostenibilidad y de fomento de la conservación, de la mejora de la seguridad de utilización y de la accesibilidad en viviendas del Plan estatal de vivienda 2018-2021, y se convocan para el año 2019, con carácter plurianual (código de procedimiento VI422E) (DOG nº 143 de 30 de julio de 2019)

Back to top

Usamos cookies en nuestra Web para mejorar tu experiencia de usuario. Asumimos que estás de acuerdo pero tienes la opción de no aceptar cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar